O departamento de prensa da Federación Galega de Automobilismo abrirá nos vindeiros días proceso de solicitude de acreditación da tempada 2025.
Neste ano, o proceso mudará para mellorar o traballo de todos os posuidores desta licencia, así coma o bo desenvolvemento das probas.
Desta forma, antes de realizar a solicitude será preciso enviar ó correo electrónico prensa@fga.es un dossier en PDF con toda a información relativa a publicacións en prensa escrita e online (recomendable adxuntar carta do director do medio), así como un extracto das probas cubertas na tempada 2024. O feito de enviar este dossier no dará acceso a acreditación de prensa da FGA na tempada 2025, xa que tamén terán influencia diversas consideracións, coma actos de indisciplina, posta en risco de participantes ou outros espectadores, incumprimento das normas básicas de convivencia, etc.
Terán opción a solicitar a acreditación de prensa posuidores de páxinas web e perfís de redes sociais con contido de interese relacionado cos Campionatos Galegos. Estas solicitudes serán analizadas individualmente en función da repercusión dos mesmos. Neste caso particular, ademáis do dossier é preciso enviar as métricas dos perfís actualizadas para un estudio pormenorizado do mesmo e valorar o retorno.
A acreditación da FGA será obrigatoria para ser recoñecido coma prensa e acceder a zonas reservadas nas distintas probas puntuables para os Campionatos Xunta de Galicia de Automobilismo. Existirán excepcións puntuais para probas a criterio do organizador que deberán ser comunicadas ao departamento de prensa da FGA para ser tidas en conta.
O proceso a seguir para a acreditación será comunicado por correo electrónico aos que cumpran os requisitos. O chaleco e acreditación de prensa da FGA será válido para todas as probas de carácter autonómico e nacional en territorio galego.
O seguro da licencia de prensa e o seu chaleco tan só son válidos en probas federadas. Ademáis, tampouco estará autorizada a utilización de chalecos doutras tempadas e doutros certames.