FIN DE FESTA NO CAMPIONATO XUNTA DE GALICIA DE MONTAÑA EN PONTE CALDELAS, QUE TERÁ MÁIS DE 80 INSCRITOS

6 septiembre, 2024

Última parada do Campionato Xunta de Galicia de Montaña 2024. O certame, en claro ascenso na tempada 2024 chega a súa proba final, a Subida a Ponte Caldelas, que como ven sendo habitual terá un elenco de inscritos sobresaínte.

Máis de 80 equipos tomarán a saída na despedida do certame autonómico, que xa ten a Jacobo Senín e a Jorge Pérez como campións nas modalidades de non carrozados e carrozados. Inda así, aínda resta moito por dicir nas distintas agrupacións do campionato.

Coa ausencia de Senín, parte como principal favorito en non carrozados Alexis Vieitez. O do Celtic terá como principais rivais a Adrián Artidiello, campión asturiano de 2024, e a pilotos como Martín Villar ou José Antonio de Arriba, todos eles con CM.

Será interesante ver as prestacións dos Carcross sobre o trazado pontevedrés, nunha fin de semana que ameaza con ter algunha precipitación durante as dúas xornadas.

Entre os carrozados, Jorge Pérez, xa co título autonómico terá a Manuel Senra, Jonathan Rosendo, Rubén Blanco e ao piloto chegado de Euskadi, Xabier Lujua, como máximos adversarios, nunha lista que ten emoción en todas e cada unha das agrupacións.

En regularidade, nove equipos, coa atención posta en Breogán Abalde e Ángel Monteagudo, Sito Cabral e José Manuel Quintas ou Iván e José Antonio López, entre outros.

En canto aos horarios, a actividade comezará este venres 6 de setembro coas verificacións optativas dende as 20:00 horas.

Xa o sábado continuarán as verificacións dende as 08:00 horas. A primeira manga de adestramentos está marcada para as 13:30 horas, mentres que as dúas oficiais serán xusto a continuación.
O domingo 8 de setembro terá lugar a segunda manga de adestramentos a partir das 09:30 horas. A continuación os equipos realizarán as dúas ascensións oficiais restantes.

A entrega de premios está marcada para as 15:00 horas na Alameda de Ponte Caldelas.

Compartir