Despois de máis de dous anos de reunións tanto presenciais como telemáticas, a Federación Galega de Automobilismo sumouse ao grupo de federacións autonómicas que xa vían expedindo as licenzas estatais coa RFEDA.
Deste xeito, formalizouse o acordo polo cal a entidade federativa galega emitirá licenzas estatais para todo o colectivo do deporte do automóbil galego e español.
Sen necesidade de habilitación ou duplicidade de licenzas contarase cunha única licencia que terá efectos e validez nas citas deportivas convocadas pola FGA, e nas probas calendadas pola RFEDA en todo o territorio español, así como no resto de probas autonómicas onde esta sexa recoñecida.
Así, e case 30 anos despois, volve de novo a existir un acordo entre ambas entidades que beneficiará a todo o ecosistema deportivo galego e español, e moi especialmente a deportistas, oficiais e escuderías organizadoras.
Desta maneira, e tras os diferentes acordos que se foron asinando co resto de federacións territoriais confírmanse estes como a solución máis rápida e sensata dentro do novo marco normativo que proporciona a nova Lei do Deporte (Lei 39/2022 de 30 de decembro) evitando, desta maneira, a duplicidade de licenzas e, por tanto, un maior custe económico para o colectivo.
Declaracións Antonio Rodríguez: “Sabemos que é un acordo beneficioso para todos os galegos, aínda que suporá un esforzo económico para as arcas da FGA. Será un ano de proba no que analizaremos todos os pros e os contras desta situación, tanto económica como deportivamente. Está é unha petición dos organizadores, deportistas e oficiais galegos e cremos que é importante escoitar e axudalos en todo o que poidamos”.
Declaracións Manuel Aviñó: “Aínda que foi laborioso, finalmente, e felizmente, acadouse o acordo que tanto viñan demandando os federados galegos. A nova Lei do deporte crea un escenario que fomenta precisamente o entendemento entre as federacións autonómicas e as nacionais, polo que agradezo ao presidente da FGA e á súa xunta directiva que apostasen por este modelo, atendendo así unha das peticións históricas da comunidade automobilística galega».